Para contactar con xiztoria

Contacta con nós en: xiztoria@gmail.com

24/11/08

Constitución de 1837. Reeditando un gran traballo.


Reeditamos aquí un tgraballo de Vázquez....Raquel Vázquez, que editamos en xaneiro cobre a Constitución de 1837. Había algún problemas para consultalo así que ei o tedes. Aproveitádeo.




A Constitución de 1837: un texto de compromiso

A Constitución de 1837 xorde como consecuencia dun descontento crecente nos sectores máis progresistas do liberalismo co Estatuto Real, promulgado en 1834. En 1835, a raíña rexente María Cristina, ante as revoltas liberais, confiou o goberno a Mendizábal, pero decidiu substituílo polo moderado Istúriz dado o carácter radical das reformas que levara a cabo. Sen embargo, esta decisión acentuou as protestas, e no verán de 1836 producíronse novos levantamentos populares que obrigaron á raíña rexente a xurar e restaurar a Constitución de 1812. Con Calatrava como xefe de goberno, convocáronse Cortes constituíntes coa finalidade de reformala, para finalmente dar lugar a unha nova constitución en 1837.

Esta constitución foi elaborada co obxectivo básico de garantir a estabilidade política liberal, tendo en conta que se estaba desenvolvendo a Iª Guerra Carlista (1833-1840), e os liberais tiñan a necesidade de aglutinar esforzos para non ser derrotados e evitar regresar ó modelo absolutista que propoñían os defensores da dinastía de D. Carlos. Por tanto, trátase dunha constitución de compromiso, que aínda que se basea na ideoloxía liberal progresista, tamén presenta rasgos moderados, para poder permitir a alternancia de goberno entre estas dúas tendencias.

Entre as características do liberalismo progresista encóntrase a soberanía nacional, tal como se recolle no preámbulo da Constitución: “As Cortes xerais decretaron e sancionaron (…)”. Por primeira vez aparece unha declaración de forma explícita de dereitos e liberdades individuais, entre os que destacan a igualdade ante a lei (artículo 4: “Uns mesmos códigos rexerán en toda a Monarquía) e a liberdade de imprenta sen censura previa (artículo 2). Ademais, hai certa tolerancia relixiosa, xa que o estado non se declara confesionalmente católico (artículo 11). Tomados do liberalismo democrático, tamén se establece o dereito á defensa das liberdades mediante a Milicia Nacional (artículo 77), e o dereito dos cidadáns na administración de xustiza por medio dos xurados (“a cualificación dos delitos de imprenta corresponde exclusivamente ós xurados”, artículo 2).

Na separación de poderes é onde máis se pode apreciar a influencia do liberalismo moderado, ó destacar o rei cun papel claramente protagonista. Así, correspóndelle ó poder executivo (artículo 45), nomea e destitúe libremente ós seus ministros, ten iniciativa legal e dereito de veto sobre as leis e convoca e disolve as Cortes, que, como na ideoloxía doutrinaria, son bicamerais: Congreso e Senado (artículo 13), de función colexisladora: o Congreso é elexido por sufraxio censitario (“os deputados elixiranse polo método directo”, artículo 22), esixindo un mínimo nivel económico ou cultural. Coma contrapeso ó Congreso encóntrase o Senado, no que o rei tamén ten relevancia (“os senadores son nomeados polo rei, a proposta, en tripla lista (…)”, artículo 15”). Polo tanto, a separación de poderes é imperfecta, xa que se reforzan as prerrogativas reais.

A forma de estado é unha monarquía constitucional, común a moderados e progresistas, e, en canto á organización territorial, cabe indicar que é un modelo unitario, aínda que timidamente descentralizado, xa que a elección dos concellos está nas mans dos seus habitantes (artículo 70).

Polo tanto, pódese apreciar un predominio da ideoloxía liberal progresista na concepción dos dereitos e liberdades, na elección dos concellos e na Milicia Nacional, pero aceptando os principios moderados de reforzamento do poder real e o sufraxio censitario. Sen embargo, a Constitución de 1837 non serviu para a concordia do liberalismo. A raíña rexente e os moderados considerárona excesivamente popular, mentres os progresistas non estaban de acordo co excesivo protagonismo da Coroa e a pouca relevancia da participación do pobo.

1 comentario:

Anónimo dijo...

After reading the information, I may have different views, but I do think this is good BLOG!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...