Para contactar con xiztoria

Contacta con nós en: xiztoria@gmail.com

19/9/08

Garelia(revisited). Centenario do discurso de Lugrís en Betanzos



Discurso de Manuel Lugrís no mitin de Solidaridad Gallega
(Betanzos, 6 de outubro de 1907)

Mariñáns e montañeses, homes traballadores e honrados, saúde.

O que agora ten o atrevimento de falarvos, é tamén un mariñán que tivo a grande sorte de nacer nesta bendita e ridente terra nosa; e coma tal mariñán, quérovos falar na lingua gallega, primeiramente, porque deste xeito entenderédesme mellor, e despóis porque un boletín da Coruña, que pra escarnio e vergonza do bon sentido leva o nome santo da nosa terra, dixo que se hoxe se vos parolaba en gallego, na fala que adeprendimos das nosas nais, na fala querendosa en que vosoutros namorástedes ás compañeiras da vosa vida e dos vosos infortunios, nais cariñosas dos vosos fillos, enterraríase no ridículo a propaganda de redención, de verdadeira libertá, que alborexa para esta terra. (Aprausos.)

Con todo o meu corazón quero esta terra mariñana, terra que defendín aquí i en terras de lonxe, gabándome sempre de sere paisano voso. Como tamén sobre a fala gallega, que é sagrada para nós, por ser un herdo dos nosos antepasados, deixaron caer a súa bulra os estúpidos que renegan do que nin siquera renegan as feras, quero hoxe, repito, falarvos na nosa fala, porque é unha fala honrada, na que aínda non se furtóu, na que non se escribiron os recibos dos consumos, e as notificaciós de embargo das vasas facendas, nin a declaración de soldados que arrinca dos vosos lares ós fillos cando vos fan máis falta para o duro traballo da terra. (Grandes aprausos).


Din por aí que a emigración é causa boa. Poida que por decontado o sea. Pero eu, mariñáns, que tamén fun emigrante, podo decirvos que é boa, como é bon que un sentenciado á morte negra fuxa, se pode, do cárcere; como un home fuxa da terra inzada de lobos, como o paxaro fuxa do cova das víboras. Que lle pergunten ao gallego por qué larga da súa terra, que lle pergunten cántas bágoas verteron os seus ollos ao dar o derradeiro adiós á terra quirida, ao cimiterio que garda as cinzas dos seus pais, á aldea quirida onde xogóu de pequeno ... ¡Que lle pergunten! E se eles responden, veredes qué negra noite de angustias, que doridos laios levan na ialma ao deixaren esta terra, que debía ser nosa, e que non podemos vivir nela porque non hai xusticia nin libertá senón para esa maldita casta que chamades caciques.

Eu que vivo na Cruña, teño visto ós emigrantes, famentos, pálidos, tristes, esconsolados, coas mans callosas de tanto traballo ... , que xa sabedes que desta terra fuxen os que traballan, pero non os zamezugas da política que teñen as mans suaves e levan os callos na ialma. (Un paisano grita: "¡Benia a nai que o paríu!").


Meus paisanos, meus irmãs, escoitade ... , escoitade ben. Non vos esquenzades, eu volo rogo, de que a unión é a forza, e se vos xuntades, non hai cañós que poidan con nosoutros.

Ben sabedes que hai un paxaro ladrón, fero e forte, que se chama o bexato. Este paxaro anda sempre voando sobre das vosas chousas agardando o momento de atopar unha víctima. Cando un pito queda solo na eira ou no curro, o bexato baixa como unha centella e cómeo. Pero hai outro paxaro cativo, o gorrión, que cando se ve atacado chama piando polos demás gorriós para que lle vallan, e como os gorriós teñen irmandade e axúdanse, xúntanse todos e bótanse sobre do bexato, e mátano. ¡Pois ben, marináns, xuntádevos todos vós contra dos bexatos da política que voan sobre dos vosos hórreos! (Atronadores aprausos).

E non coidedes que estas asociaciós para a vosa defensa é cousa nova nesta terra das Mariñas. Noutros tempos, no sigro XIII, habia unhos homes poderosos, condes, marqueses e nobres, que vivian en castelos nos cumes das montañas, sempre escollidos polos paxaros de rapina, e que se facian donos das vosas vidas, das vosas honras e máis das vosas terras. Un dia, un poeta marinán, chamado Patiño, que tiña na ialma a nobreza e fidalguía dos betanceiros don Víctor Naveira e don Juan Golpe que vos dirixen nestes tempos, xuntóu a todos os labregos das Mariñas ... e aqueles nobres, condes e marqueses, foron duramente escarmentados, os seus castelos desfeitos, e a xusticia cumprida; e de escravos fixéstevos homes libres pola razón da forza que sempre se encontra na irmandade e na unión, e a forza é un dereito cando nos queren curtar aquela de que sólo Dios é dono: a libertá e a honra.

Hoxe rexurden aqueles malos homes, que é ben certo que a mala herba non morre senón arrincándoa de rais e aplicándolle fogo; hoxe volven a facervos escravos, a roubarvos o direito de homes libresi, o tedes que tornar a xuntarvos fortemente contra dos bexatos do caciquismo. (Aprausos).

Escoitadeeste pequeno conto, que é de moito proveito.

Unha vez un vello petrucio estaba enfermo de morte. Xuntou rente do seu leito aos nove fillos que tiña, e díxolle ao máis pequeno que collera unha vara de bimbio e que a rompera. A vara rompeu facilmente. Despóis díxolle ao fillo máis vello, que era forte e valente que rompera as nove varas xuntas. Por moita forza que fixo, non puido nin siquera doblalas. Entonces dixo o vello petrucio: "a vedes, meus fillos, que unha vara sola é fácil de romper, pero todas xuntas non hai quen as dobre. Eu vou a morrer axiña, e rógovos que teñades sempre irmandá, que vos defendades todos xuntos, para que os os vosos enemigos non poidan facervos mal".

Seguide, pois, asociándovos; xuntádevos contra dos vosos enemigos, e seredes fortes, e seredes libres, e faredes libre e honrada, rica e poderosa, a terra quirida onde todos nacimos.


¡Viva Galicia! ¡Viva a solidaridá! (Grandes e prolongados aprausos).


[MANUEL LUGRÍS FREIRE, "Discurso", en EUGENIO CARRÉ ALDAO, Literatura gallega, segunda edición, Barcelona, 1911, pp. 496-498.]




Orixinalmente publicado en "garelia. blogspot.com" o 0 7/10/07.

No hay comentarios:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...