-O papai ordenara de facer un pozo negro en Auguela. Fíxoo el só no verao. Era un pozo negro que lle saíra da ialma. Nunca se tal vira elí.
Auguela está no deserto da Chaira, na caeira onde os fentais sinalan unha lentura que logo é fiaño de auga e pouco máis alá corga e regueiro, para facerse moi lonxe un río grande chamado Tuño.
-...?
-Non, señor, o papai nunca fixera o pozo negro con tal intención
-...?
-Iso soubémolo máis tarde. Eu, ao tempo, era meniña de once anos. Vivíamos en Vilar, na freguesía de Lavadores. O papai era encargado de obra de Comesaña. Eu non sabía nada. Despois sóubeno.
A Social quixera pillar o papai da nena porque na caseta da obra efectivamente houbera xuntanzas. Vírano entrar varias veces a cas de Xosé Velo, nas Travesas. O papai era, de certo, da organización. A meniña, daquela non sabía cousa.
-...?
-A mamai e mais eu deixamos a casopiña de Vilar, en Lavadores. E viñemonos pra serra. Viñemos a Auguela, a nosa aldea nativa. Viñemos ao noso ser, onde o papai ordenara de facer unha casiña nova de tixolo, con mesmo pozo negro." (...)
Aínda que tiña ouvido falar de "Arraianos" nunca me puxera a ler esta obra de Méndez Ferrín. Agora chego a esta lectura gracias á suxestión dos meus alumnos xiztoriadores Ana Eirea e Hadrián López ( e indirectamente por X.L. Mosquera)
Así que, como diría Forges, ¡quedan nomeados oficialmente "proxelectas" !
Hai un ano publicábamos en xiztoria
1 comentario:
Aínda me sorprendo cando descubro que cousas que un fixo un día cun grupo de rapazas/es nunha aula, aí onde todo parece caer en saco roto ou, talvez peor, xenerar alerxia, de repente producen coeco-eco-eco (véñenme á cabeza as carrachas, que poden permanecer tempo e tempo enganchadas nun fieito agardando a vítima propiciatoria).
Publicar un comentario