¿Quen nolo ía dicir? Acostámonos rexidos por unha monarquía constitucional e ao erguernos enterámonos que España xa era unha república.
A cousa ten o seu aquel. Cando chegou a primeira República foi no medio dunha situación ben confusa no país e pola renuncia ao trono Amadeo de Saboia ( unha monárquica importación -made in Italy-con boa vontade pero escasa capacidade para organizar avispeiros) A experiencia, por certo, non foi moi estimulante.
A Segunda chegou no medio dun cansazo xeralizado da sociedade española cunha monarquía, a de Alfonso XIII , que xa non satisfacía a ninguén. E chegou con bastantes boas formas, cando menos ao principio, aínda que logo as cousas fóronse torcendo nunha mestura de torpeza ( dos favorables) e torpedos (dos contrarios).
O que foi común nestas dúas é que chegaban como culminación de procesos na sociedade española que permitían pensar, con certa lóxica, na República como unha alternativa, unha vía de saída.
Pero o de agora si que rompe todos os esquemas. De pronto a omnisciente(je,je)-omnipotente(uff) Moody`s ( e sen dar golpe de estado nin nada) transfórmanos en República:"Moody's Investors Service ha anunciado hoy que considerará las implicaciones para la las transacciones de financiación estructurada españolas que se derivan de la rebaja en dos escalones del rating de la República de España". Así reza o informe. E isto si que é extraño porque agora quen é parte do problema non só non se marcha senón que parece presentarse como a solución.
Total, isto non é tan extraño. Xa hai anos na Copa Davis soou o hino repúblicano ( neste caso o golpe de estado fracasou e España continuou a ser monárquica) Pero agora che é outra cousa. Moody's non é un trompeta australiano, de feito, a anécdota case parece unha confirmación do que vemos día a día: os poderes políticos formais aos pes dos cabalos dos auténticos poderes fácticos.
Sexa como sexa, ¿saudamos ao novo réxime? Todo se andará, ¡pero pouquiño a pouco, a moody's!
POST DATA ALUCINADO
Quen nos cualifica nin sequera ten claro quen somos e como nos chamamos. ( ¡glup!)
1 comentario:
"Non se pode falar dun can sen coñecelo". Moody's fala dos países, neste caso de España, para beneficiarse economicamente. Neste caso nin se quera sabe o réxime que temos en España, chamoulle a España república, cando en realidade é unha monarquía parlamentaria. Se non saben o réxime político que temos, ¿ cómo van saber as solución que debemos de tomar? ¿ Será que hai intereses económicos e políticos por desprestixiar unha moeda?
Na miña opinión, dunha maneira ou doutra, o que parece é que Moody fala ben ou mal dependendo do que lle conveña referido ao mercado.
Publicar un comentario