Para contactar con xiztoria

Contacta con nós en: xiztoria@gmail.com

14/9/10

¡Queira Deus que Don Manuel Azaña non o tome millor!

Emigrante ás Américas foi o meu tío Andrés o Carballeira que nacera e vivíu -agás os anos que pasara en Cuba- nunha aldea pequecha do concello de Monfero, e que xamais deixou de baixar os 1 e 16 de cada mes á feira de Betanzos.
Andrés o Carballeira non veu rico pero trouxo cartos dabondo para vivir até o fin dos seus días sen ter feixe de ninguén.
Solteirón, de grandísimos bigotes queimados polo fume do pito que tiña sempre nos beizos...
Andrés o Carballeira feu feito un herexe e andaba sempre botando pestes contra da xerarquía eclesiástica e contra “da beatería fanática que mantiña ao país na pobreza e a ignorancia”.
De tantas veces que foi a Betanzos falta a primeira que entrara nunha eirexa, e cando a alguén se lle ocorría falarlle da arte que gardaban aquelas pedras...Andrés o Carballeira escorrentábao de contado ao respostarlle que darían moi bon “morrillo” pra trocar en estradas as corredoiras “deste país esfameado, no que non hai máis que fábricas de incienso e cera”.

...Mais velahí que a pesares da súa xenreira a todo canto cheirase a eirexa, mantiña boísimas relacións con Don Evaristo, o párroco....Don Evaristo e meu tío Andrés fixeran boas migas porque os dous tiñan as mesmas debilidades: o xogo de cartas e o café. Xogaban deica as tantas da noite e mentres duraba o xogo, tiñan no lume o pote pra botaren un cunco entre partida e partida.


Ocurríu que no 1932, por algún atranco no comercio exterior do goberno da República, durante algúns meses faltou o café en España. Don Evaristo e Andrés de Carballeira non tiñan acougo. Sen café nin o xogo lles aproveitaba...
Tanto chegou a ser o seu desespero que un día decidiron ferver auga cunha machea de carolos de eucalipto, a arromedar coaquela brebaxe o arelado café.
Fixéronno así e cando encheron os cuncos co líquido escuro e recendente. O crego recuou sen querer probalo. Meu tío Andrés o Carballeira ollouno un intre en silencio, churripiou o primeiro grolo, paladeouno devagariño, e rosmou con voz queda pero rexa:

-¡Queira Deus que Don Manuel Azaña non o tome millor!

E seguíu bebendo a gulapos até valeirar o cunco.

De “Andrés o Carballeira, un herexe en Betanzos”, por Siro López Lorenzo.

No hay comentarios:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...