Dende o primeiro momento que puiden disfrutar desta película chamoume a atención a densidade poética das imaxes. Angelopoulos fuxe dos tópicos de país mediterráneo ao estilo do "jroña que jroña de danone". Presentamos unha atmosfera que non ten nada que ver cos contornos definidos do sol mediterráneo, unha atmósfera acorde menos coa latitude que co pulso das almas dun pobo exiliado e transhumante, de perfís desleidos, brumas e barros omnipresentes.
Outra cousa que provocou en min a película foi unha especie de transporte ( por camiños que descoñezo) a outros momentos da historia da arte. As primeiras esceas da película presentannos unha aldea, a dos refuxiados gregos de Odessa en Salónica de tal maneira, con tal enfoque, que non puiden menos de lembrar os cadros de Brueghel cheos de pequenas figuriñas cada unha aterafada no seu traballo propio, como invitando ao espectador a fixarse na súa peripecia persoal, a adicar un cachiño de tempo en prestarlle atención. O embarcadeiro que non define claramento onde acaba a terra e comeza o mar. A roupa branca tendida en longas ringleiras. A imaxe tremenda (firmaríaa calquera pintor ou cineasta surrealista) da árbore coas ovellas penduradas das polas...
Cada unha destas imaxes é un libro de poemas por sí soa. Que as disfrutedes coma min.
No hay comentarios:
Publicar un comentario