Para contactar con xiztoria

Contacta con nós en: xiztoria@gmail.com

14/10/09

O século XVIII. Maxistralmente imaxinado por Dn. Ramón Otero Pedrayo

A solemnidade raiolante do Dazaoito asosegaba nas mariñas galegas. O século: goberno pe­trucial de reises bós, devotos, cazadores, mi­nistros de casaca coor cereixa rexindo amodiño o maino maestoso da Monarquía Absoluta. Lembraba un bosque secular e outonizo, dourado por un sol que como unha onza borbónica cortexada polas lises, cor­tábase en dous no horizonte mariño pra alumear a España e o doble imperio dos trópicos. Polo bosque cruzaban xeométricamente os grandes camiños reás; pasaban, ó lonxe, cazatas de tapiz antigo; cortábanse os valentes carballos pra traballar nos recunchos das ribeiras outros bosques de navíos que enchían coma flotas de baleas as augas salgadas. Algús arboredos acougaban melindrosos xardís, onde os violoncellos rimaban o beilado prolixo das donas. Mais todo o bos­que demarcábase en chaos diferentes; cada anaco, cada rexión, gardaba a forza calada do seu vivir an­tergo. As veces, os aires de afora esgallaban con es­trondo algunha forte póla e salferían, un instante, arrecenderes inquedantes. Deseguida voltaba a sole­ne calma do solpor demorado, e os xuristas e segre­darios de despacho, os sabios e os proxectistas, vesti­dos ca casaca, rizados os encaixes, o sombreiro de sa­lón baixo o brazo, ideaban novas medidas pra maor felicidade dos pobos. A mar carregaba as despaciosas flotas de barcos que traguían as pedras extrañas, as madeiras ricas como as xemas, a prata dos aztecas e dos Incas. Prata barroca arrincada da entraña das montañas, tan outas que o alentar nelas é dificultoso, polos homes coor do cobre, tristeiros e saudosos, e polos negros relocentes como a noite suorosa na es­curidade das minas. ¡A prata acuñada en pálidos pe­sos e amontonada en moreas nos soterraños das ofici­nas! O ouro das onzas, co perfil borbónico e as armas abranguendo os hemisferios. Un Gulfstream de ouro e prata batía nas costas ibéricas e súas escumas ían erguendo as fachadas barrocas, ordenaban as rúas feitas pró decorrer de oda ou de silva, das procesiós e das festas. traballaban as madeiras dos coros e gar­daban o grande vento dos órganos. Co ouro e a prata das Américas poderíase erguer unha catedral maxes­tosa, alapeada en apoteose soberbia polas raiolas lon­gas, horizontás, verdecentes de mar, do sol quieto da monarquía do dereito divino.

OTERO PEDRAYO, Ramón; Os Camiños da Vida, cap.III.

1 comentario:

Francisco dijo...

Tarjeta de visita.




http://elcronopiocoral.blogspot.com/2009/05/swingle-singers-ticket-to-ride-beatles.html

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...